Artigos en galego
Typography
  • Smaller Small Medium Big Bigger
  • Default Helvetica Segoe Georgia Times

Finalmente, en Galicia reeditarase a coalición de esquerda En Marea baixo a forma dun partido instrumental, aglutinando ás tradicións federalista, nacionalista e ademais das novas sensibilidades aparecidas coa irrupción de Podemos.

Esta confluencia, artellada en Galicia tanto para as eleccións do 20-D como para as do 26-X, deu en ambas as dúas situacións uns magníficos resultados, particularmente no 20-D onde obtivo un 25´04% do voto escrutado en Galicia, e nas eleccións do 26-X o 22´18%, mellorando nas dúas ocasións a media de Podemos (no 20-D) e de Unidos Podemos (no 26-X) respectivamente, chegando a sobrepasar ao PSOE nas eleccións de decembro e a un empate técnico con este nas de xuño. A pesar de todos os intensos e acalorados debates xerados polas negociacións, finalmente a esquerda presentarase unida unha vez máis a uns comicios en Galicia, preparando o terreo para consolidar e incluso mellorar as posicións conquistadas até o de agora.

A FORZA DA UNIDADE

Coa reedición da unidade, a esquerda en Galicia móstrase unha vez máis unida e coordinada na loita por un cambio social, seguindo un camiño que xa se comezou a andar coa formación de AGE en 2011. Unha vez máis, as forzas da alternativa en Galicia son un exemplo para todo o Estado e, pese á sensación de división transmitida pola dureza das negociacións, prepáranse agora para dar unha imaxe de unidade capaz de gañar a confianza de amplas capas da clase traballadora e da mocidade.

Ademais disto, a confluencia fortalece ás forzas á esquerda do PSdG-PSOE, consolidando a súa posición de cara a competir con este pola hexemonía do espazo progresista, ademais de fortalecer virtualmente a posición das forzas que integran En Marea, aparecendo máis fortes ao aglutinar apoios, independentemente de que estes puidesen chegar a superar aos do PSdG por separado.

Pero o máis esperanzador sen dúbida é pensar nas oportunidades que abre a unidade: un traballo conxunto das nosas militantes podería dar rendementos moito mellores que  o traballo destas por separado, a agrupación dos orzamentos permitiría financiar unha campaña moito máis potente, a mobilización conxunta dos referentes do nacionalismo galego (Beiras, Ferrín…) e os referentes estatais de Podemos e EU (Pablo Iglesias, Alberto Garzón…) xunto a outros (alcaldes do cambio de dentro e fóra de Galicia) daría moita máis diversidade e atractivo á campaña, capaz de atraer a un público máis amplo; etc.

Amplas capas da clase traballadora, a mocidade e as clases medias miran agora a En Marea como unha alternativa de cara as eleccións á Xunta. A confluencia debe asumir agora a responsabilidade de crear un proxecto político capaz de representar a estes sectores sociais tanto nas institucións como na rúa.

AVANTE A MAREA!

O proceso de conformación de En Marea como suxeito político para as eleccións do 25 de Setembro arranca co manifesto dos alcaldes no que chamaban a todos os actores políticos e sociais a conformar un partido instrumental que fose marco superador das diferenzas na esquerda galega e xogase o papel de plataforma aglutinadora.  Mareas en Común, que integra as mareas municipalistas, elaboraron os documentos políticos, éticos e organizativos que se tomaron como base na asemblea do sábado 30 de xullo, e que foron aprobados por esta. Todo isto, co obxectivo da “superación do marco institucional da actual coalición substituíndo a actual mesa de coordinación por un instrumento aberto e democrático que represente o proceso de ampliación da base social e a democratización de En Marea”. 

Só un día antes celebrouse en Compostela unha Asemblea Xeral de Podemos Galicia. Esta, que foi aberta e de carácter consultivo, tivo por obxectivo debater as diferentes propostas para a democratización de En Marea elaboradas a petición do Consello Cidadán Autonómico polas catro asembleas provinciais consultivas anteriores; así como valorar as posibilidades de Podemos Galicia de concorrer en solitario aos vindeiros comicios autonómicos.

Todo este proceso participativo foi impulsado dende a Secretaría Xeral de Podemos Galicia, que neste sentido xogou un papel moi positivo na medida na que fomentou o debate interno e a toma de voz das bases.  Durante a Asemblea Xeral, viuse unha clara preeminencia da posición contraria á confluencia, que sinala un desafortunado predominio de posturas sectarias nunha parte importante dos sectores máis activos de Podemos que porén non se manifestan así na maioría do total das inscritas.

Durante os días 31 de xullo, 1 de agosto, e 2 de agosto, levouse a cabo a consulta telemática na que a militancia de Podemos Galicia decidiu a forma na que se debía concorrer aos comicios galegos. O resultado en favor da confluencia foi esmagadora: máis dun 75% dos votos emitidos na consulta foron en favor de ir en unidade co resto de forzas de En Marea ás urnas. Tras coñecer os resultados, abríase un longo e tenso debate sobre como artellar a confluencia

O escollo principal foi a forma xurídica a adoptar, pois mentres que Podemos Galicia apoiaba unha coalición “á catalá” (un partido instrumental en coalición con Podemos, conservando este último a súa marca), dende En Marea apostábase pola integración de Podemos no partido instrumental formado o 30 de agosto na Asemblea Constituínte celebrada en Vigo.

En contra de integrarse no partido instrumental, Podemos esgrimiu como principal argumento unha incompatibilidade da súa entrada en partidos desta índole cos seus Estatutos; mentres que o xa constituído partido instrumental En Marea afirmaba unha incompatibilidade da fórmula proposta por Podemos Galicia cos acordos aos que tiñan chegado na súa Asemblea, ambas as dúas actitudes reprobables na medida na que primaban aspectos técnicos e organizativos sobre cuestións de contidos.

Máis aló de discusións de tipo organizativo, os marxistas de En Marea consideramos un erro primar a forma legal da coalición fronte ao contido da mesma; e, independentemente da forma elixida, chamamos á celebración de procesos participativos para acordar o programa común, elección das candidatas por primarias, fixación de regulamentos acordados que establezan claramente os procedementos a seguir durante a campaña e asembleas de base en todas os municipios para a coordinación do traballo conxunto.

A nivel político, o principal argumento dende En Marea para oporse á forma da coalición era a pretensión de crear un espazo político máis aló das dinámicas de partidos, aberto á participación doutros axentes (ex: mareas municipalistas) e a título individual, que opinaban que Podemos quería sacrificar en pos de intereses propios; mentres que en Podemos se falou da necesidade deste partido de conservar a súa marca e identidade propias, afirmando que En Marea pretendía evitar isto co fin de utilizar o apoio de Podemos para refundar o nacionalismo galego.

Finalmente, tras unhas complicadas negociacións (nas que a dirección estatal de Podemos chegou a intervir), acadouse un compromiso nun acto de solidariedade por parte de Podemos anunciando a concorrencia de Podemos xunto a En Marea baixo o nome e principios organizativos, políticos e éticos desta.

O 17 de agosto arrancaría o proceso de primarias con 25 listas entre as catro provincias galegas e integradas por militantes de Anova, Cerna, Equo, EU, as mareas municipais, Podemos e outros candidatos independentes. Estas primarias foron abertas e deron como resultado a confección dunhas listas paritarias e que recolleron todas as sensibilidades dun xeito harmónico e proporcionado.

HAI QUE BOTALOS

Os últimos anos na xestión do goberno da Xunta por parte do PP foron desastrosos para os intereses da clase traballadora galega. Por unha banda vimos recortados os nosos dereitos sociais e pola outra a posibilidade de crecemento económico do país.

Contra as familias e o problema de natalidade galego, reducións das axudas ás familias con fillos de tres anos, subida de prezos nas escolas infantís e a pesar disto Feijoo nun xesto esperpénticamente oportunista e con tintes surreais mófase das galegas aproveitando a proximidade da data electoral para regalar unha caixa de agasallos para os recén nados, mentres o ratio empregado – pensionista é 1 e segue descendendo poñendo en perigo de morte a sustentabilidade do sistema de pensións.

As galegas somos máis pobres agora que cando chegou Feijoo con respecto a media do territorio español. A  renda per capita española retrocedeu nun 11.82% e a galega un 13.7%, provocando que a clase traballadora galega cobre 305 € menos ao mes de media que a española e cada vez máis lonxe da media Europea (en Galicia cóbrase o 80% dun salario medio europeo). Mentres, vivimos a paralización do sector eólico galego, potencialmente punteiro a nivel mundial polo castigo infrinxido ao suprimir as primas ás renovables.

Tamén temos presenciado un duro golpe aos servizos públicos, nalgúns casos  tendo o dubidoso mérito de ser pioneiros na privatización de servizos como a defensa contra o lume, que agora revelan as súas consecuencias no verán. Un recorte do 18% en Sanidade, repago en servizos de asistencia sanitaria, peche de camas en hospitais, 28.000 persoas con dereito á prestación pola Lei de Dependencia aínda agardando para cobrar o primeiro euro.

Tamén son de notar os gravísimos casos de corrupción que salpican todo lugar onde o PP ten tocado poder: a operación Orquesta, o caso Pokemon, Carioca, Gürtel, Pikachu, Baltar, Patos, etc. Mais o filibusterismo do señor Feijoó non coñece límites pois aínda por riba veta e bloquea a investigación dos máis de 100.000 galegos afectados pola gran estafa bancaria das preferentes, acepta o bloqueo a investigación do Alvia, do Prestige, tampouco defende os intereses dos traballadores e traballadoras do sector pesqueiro e do sector lácteo ante Bruselas.

Ante tal cúmulo de despropósitos a clase traballadora galega só lle queda fuxir (500.000 galegos e galegas emigrados no exterior). Para que non nos sigan botando cómpre botalos nós a eles.

O CANDIDATO DO CAMBIO

Luís Villares, ex-maxistrado de 38 anos de idade, será o noso candidato a unha presidencia da Xunta que abra unha nova etapa na vida política galega. Activista pola lingua galega e portavoz da asociación Jueces por la democracia en Galicia.

Hai que sinalar a corrección das súas posturas en canto ao modo no que poñer en riba da mesa o tratamento da cuestión do autogoberno en Galicia, enfocando claramente o problema nas nefastas xestións do Partido Popular e sinalando  a necesidade dun proxecto alternativo ao das elites, máis comprometido coas clases traballadoras, sen renunciar así mesmo a sinalar o dereito a decidir de Galicia sobre a súa relación co resto do Estado cando o considere necesario.

Na súa contra, cabería sinalar o seu discurso de orde, apegado ao estreito marco da legalidade, nun momento no que todas as institucións en mans das forzas da esquerda precisan dunha actitude de clara confrontación contra o poder da dereita reaccionaria (aínda no goberno central) e dos poderes fáticos. Neste sentido, as militantes e activistas de En Marea deben ser conscientes das limitacións desta actitude e saber presionar para que o novo actor político xogue o papel que lle corresponde tanto nas institucións como na rúa.

Con todo, considerámolo un candidato axeitado e pensamos que, xunto co resto de En Marea, pode xogar un papel moi positivo na apertura dunha nova etapa política en Galicia.

AS PROPOSTAS DOS MARXISTAS

Os marxistas non temos ningún tipo de interese partidista alleo ao movemento obreiro. Neste sentido, alegrámonos enormemente de que os diferentes partidos que a día de hoxe representan o movemento político da clase traballadora en Galicia se presenten xuntos ás vindeiras eleccións.

Como activistas comprometidos do movemento, dende a nosa corrente marxista valoramos moi positivamente todas as demandas que dende hai tempo estaban na rúa e apareceron na vida política e institucional con forza no último período. Referímonos, entre outras, á renda básica e a paralización dos desafiuzamentos. Neste sentido, as medidas xa tomadas anteriormente nos concellos do cambio, e as propostas de En Marea para levar medidas a cabo na Xunta, son algo que non podemos máis que apoiar.

Como marxistas vemos que o capitalismo xa esgotou o seu rol histórico e agora revélase como unha barreira contra o desenvolvemento das forzas produtivas e consecuentemente da mellora das condicións de vida da xente. Esta crise económica sen final á vista demostra a decadencia do modelo capitalista a nivel mundial. Entendemos tamén que todos os intentos de acabar cos males do capitalismo ( a miseria, o desemprego, guerras, racismo) sen pasar por unha ruptura co modelo económico e as súas estruturas de poder politico van ser ineficaces.

Para poder utilizar todo o potencial produtivo da nosa sociedade, dun xeito organizado e racional tendo en conta as necesidades da poboación cómpre nacionalizar as grandes empresas e monopolios poñendoas baixo control obreiro dentro dun plan de produción distinto a anarquía do mercado capitalista.

So con este programa en mente, serán posibles plans de investimento público con vistas a reactivar a nosa agricultura, favorecer as cooperativas nacionalizar empresas en perigo de quebra para protexer empregos. Xestioanando estas novas empresas como sociedades laborais ou cooperativas, nunha rede pública que fomentase a creación de emprego digno e de calidade.

En canto o programa de En Marea, hai algunha medida que nos semella moi positiva e esencial como a creación dunha banca pública galega, mais como marxistas temos que advertir das limitacións desta, pois unha banca rexional dependente dun estado burgués no financiamento e captación de recursos non poderá completar satisfactoriamente a súa finalidade. Polo tanto, o éxito destas medidas virá marcado pola súa acollida no resto do estado español.

Por último, cabe sinalar a necesidade de ter as ideas claras, e ser conscientes de que, dende o primeiro momento, teremos que facer fronte a severas complicacións ao atoparnos cunha casta política estatal, unha clase burguesa, uns medios de comunicacións e unha parte do aparato do Estado e a Xunta contrarios aos noso proxecto. Neste sentido, precisaremos ser capaces de afrontar o desafío que suporá adoptar medidas que nos permitan presionar a estes grupos dentro da medida das nosas posibilidades, á vez que apoiar na rúa a esta nova “autonomía do cambio” en caso dunha vitoria de En Marea ou un pacto post-electoral que converta ao compañeiro Luís en Presidente. Dende o primeiro día, debemos saber que cando tomemos o poder da Xunta comezarán as verdadeiras dificultades.

O MOMENTO DO DESAFÍO

Dende a corrente marxista Loita de Clases somos conscientes da boa noticia que supón a reedición da unidade da esquerda en Galicia, e ata que punto un eventual “sorpasso” ao PSdG (ou incluso unha vitoria) nas eleccións poderían significar un feito histórico.

Pese a isto, como marxistas somos conscientes das limitacións da política institucional, e aínda máis cando esta se limita a organismos intermedios, supeditados á soberanía dun Estado que, polo de agora, segue baixo o control dunha oligarquía formada polas 100 familias máis poderosas do mesmo.  Aínda que consideraríamos un avance a chegada ao goberno da Xunta se esta se producise, somos conscientes de que as grandes loitas chegarán na rúa, onde teremos que nos enfrontar a cada ameaza dos poderes fáticos e a cada ataque dun novo goberno do PP no ámbito estatal se este chegase a formarse.

Tamén somos conscientes das limitacións dun programa reformista, ademais tendo en conta de novo que este verase reducido ao ámbito dunha autonomía. Os programas de subsidios, en prol do dereito á vivenda ou para a creación de emprego con inversión pública veranse limitados pola presión da débeda e pola resistencia dos ricos a contribuír en maior medida ao financiamento do Estado a través dos impostos; un estado falto de recursos produtivos propios serán limitacións á hora de traballar pola activación da economía; e a lacra da acumulación de propiedade impedirá un reparto equitativo da riqueza como forma de paliar a actual situación. Pero somos conscientes, así mesmo, de que un goberno de corte popular na Xunta poderá levar a cabo certas medidas progresistas que melloren a vida inmediata do pobo e sexan exemplo para animar a un maior entusiasmo da esquerda na rúa. Ademais, pode ser a faísca que prenda un movemento de esquerda a nivel estatal e que derrube o posible goberno do PP e C’s que se formará despois deste período electoral autonómico.

Dende a tendencia Loita de Clases traballamos arreo na defensa da unidade das forzas do cambio, a difusión das ideas do socialismo científico e a presentación dunha alternativa de transformación social máis aló do capitalismo. Se desexas colaborar connosco, podes contactarnos a través da nosa páxina web. Podes contribuír de diversas formas: compartir puntos de vista connosco, achegarnos información sobre a túa realidade local, unirte a nós, etc. Animámoste a que o fagas. Á loita continúa!