Artigos en galego
Typography
  • Smaller Small Medium Big Bigger
  • Default Helvetica Segoe Georgia Times

Moitas veces os mártires crean mundos que os heroes nin tan sequera son capaces de concibir. E na miña Terra cumprirase a vontade dos mártires” Castelao

Con motivo do oitenta aniversario do golpe de estado fascista son moitas as homenaxes que se suceden ás vítimas da barbarie. Dende Loita de Clases queremos aproveitar este espazo para facer memoria e dignificar a quen loitou con valentía para propagar os ideais de esquerda. A figura de Alexandre Bóveda como político, intelectual e ideólogo do galeguismo, resulta un exemplo fundamental de compromiso e xenerosidade na nosa historia.

Nado en Ourense, en 1903, estuda peritaxe por libre, dende moi novo exerce como empregado de Facenda e xefe de Contabilidade. A nivel intelectual e ideolóxico, Alexandre Bóveda formase nos círculos do Partido Galeguista. É lector asiduo da Revista Nós, colabora na publicación La Zarpa do líder do movemento do agrarismo Basilio Álvarez e participa en tertulias con Losada Diéguez e Castelao. No entanto, o punto álxido na carreira política de Alexandre Bóveda foi, sen dúbida, a activa participación na comisión de redacción do Estatuto de Autonomía galego durante a II República. A súa grande capacidade estratéxica e a profunda comprensión do escenario político no estado español levan a Bóveda a participar na campaña electoral das eleccións de 1936 como candidato da Fronte Popular por Ourense. Un acto de xenerosidade do nacionalismo galego sobre o que se debe facer especial fincapé. Tras o levantamento militar de xullo, Bóveda resulta encarcerado acusado de traizón e condenado a morte. O 17 de agosto de 1936, actualmente Día da Galiza Mártir, Alexandre Bóveda é fusilado na Caeira, Poio. Nese mesmo lugar os sublevados asasinaron a nove republicanos máis, entre eles ao seu amigo e compañeiro Víctor Casas, outro dos partidarios da alianza na Fronte Popular.

É necesario recoñecer en Alexandre a un firme defensor da unidade das esquerdas que, sen abandonar o galeguismo, soubo ver a necesidade de construírmos entre todos e todas unha fronte contra o avance do fascismo. A escolla da figura do ourensán é asemade unha maneira de reivindicar a necesidade de recuperación da Memoria Histórica en Galiza e no Estado. Quen mellor ca el como símbolo de todas as demais vítimas da represión; xa foran fusiladas, torturadas, exiliadas ou condenadas a vivir no máis terrible silencio e humillación.

Lembrar ás nosas e aos nosos mártires é facer homenaxe e recoñecer o labor de tantas persoas que, coma Bóveda, pagaron coa vida a súa militancia: a defensa duns ideais de igualdade, democracia e xustiza social.